miércoles, 16 de marzo de 2011

sen vento que me leve, sen brúxula que me oriente

Ás veces chámote para falar, outras para escoitar; unhas preciso que me desenredes e outras comprobar que estás ben.
Eu sigo, vivindo máis en soños que na realidade, será porque pretendo que a irreal felicidade que creo na miña cabeza me dea folgos para enfrentarme a todo o que quero cambiar, ahí fóra e aquí dentro.
Teño esa impresión de non saber que ano é, e esquezo a orde dos meses demasiado amiudo. Empecei a espertarme sen saber onde estaba ó mes de chegar, non ó chegar, supoño que foi cando comecei a darme conta de que nunca poderei volver a ningunha situación nas que estiven; que nada é estático, incluso agora que case todo o parece; que só queda mirar para diante; que continuar escapando non me levará a ningún destino.
Non vivo, levito, as decisión tomanme a min no canto de eu a elas. Fai demasiado tempo que non me sinto satisfeita, que sinto que perdo o tempo, que vivo a medias.
Preciso unha paixón pola que guiarme, unha paixón que estea nas miñas mans ata cando eu quera, e que non se esmoreza cando menos o espere.
Parece que vou clarexando as cousas, que xa sei o que quero. Pero so o asemella, eu creo que non é que teña os pes máis preto da terra é que cada vez coñezo mellor a miña tolemia. Por algo se comeza.