jueves, 15 de septiembre de 2011

Deixar de

Ó igual que nós, os sentimentos medran, mutan, minguan e esvaecense. Nada ten de malo e nada ten de bó. Os cambios deberían ser suaviños e lentos, ou é que se deixa a unha persoa coma quen deixa de fumar?, evitandoa e alonxandote dela, como se fose tan mala coma o tabaco; índa que habelas hainas, non vai ser o caso.
Non podo comprender que do amor ó odio haxa só un paso; sí en quente, pero non en frío, que se seguimos así chegaremos a xélido e nin tan sequera nos felicitaremos os cumpreanos.
Haberá xente, que cando se fixo o reparto de memorias chegarían tarde, e agora teñen a capacidade de esquecer tamén as cousas boas, esas que sempre son as derradeiras, a verdadeira "resistance", esas coas que nos gusta tanto soñar.
Eu coma sempre teño moi poucas cousas feitas das que arrepentirme. Unha das poucas é que non tiña que crerte cando che facía prometer que sempre seriamos amigos, pasase o que pasase, e ti dicíasme que non concevías outro final.
Ó mellor, iso de estar tan desarraigado, faite así de individualista, de tódolos xeitos non entendo porque fas que este abismo e esta galbana acontezan, pero o día que repartiron memorias, parece que tamén repartían sensibilidade, e ti tamén quedaches sen ela; ben por ti, porque vale para ben pouco. Eu non deixo de ser a túa amiga, non son capaz, inda que non reciba unha mísera mostra de agarimo en anos; pero deixo de idolatrarte, de crerte, deixo de pensar en ti e de quererte.